*Elaborada por Benigno Riveiro Arjones

  1. Fontefria: Hidrotopónimo composto de FONTEM FRIGIDAM "fonte de auga fría". Fontefría designa lugares de Abegondo, Cabana de Bergantiños, Cambre, Cedeira (A Cor.), Amoeiro (Our.)... Un apocopado Fonfría aparece en Antas de Ulla, Begonte, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro (Lu) e un antónimo Fonquente en Cervantes (Lu). Outros topónimos nos que intervén o adx. fría son Vilafría de Ponteareas, O Porriño e Salvaterra de Miño e Bouzafría de Tomiño (Po).
  2. Fontoira: de “FONTEM AUREAM”, fonte de ouro, seguramente pola calidade da súa auga. Hidrotopónimo.
  3. Foz: do latín vulgar “FOCEM”, que en latín literario era “FAUCEM”, gorxa, paso estreito, fauces. Lugar por onde un río desemboca no mar, tamén é un paso estreito entre montañas.
  4. Frades: de “FRATRES”, irmáns, seguramente monxes, frades dunha congregación relixiosa.
  5. Lavacolla: LAVA-COLEA: (lava os testículos), nese pobo había un río onde os peregrinos se purificaban antes de entra en Compostela. É un imperativo e un Ac. Pl.
  6. León: LEGIONEM, lexión, esta cidade ten como orixe un campamento militar onde había unha lexión.
  7. Louredo: LAURETUM: lugar onde hai onde hai loureiro. (LAURUS: loureiro, árbore). Fitotopónimo.
  8. Lugo: LUCUS AUGUSTI: o bosque sagrado de Augusto (fundador en xenit.)
  9. Maceda: de MATTIANETA (lat.vul. MATTIANA: maceira) lugar onde abundan as maceiras , (cfr. español Manzaneda). Fitotopónimo.
  10. Mérida: EMERITA (AUGUSTA), cidade fundada para soldados licenciados tras as campañas hispana; recibían o título de EMERITI (licenciados).
  11. Milladoiro: HUMILIATORIUM: lugar onde os peregrinos ó ver Compostela axeonllábanse para dar gracias a deus; ou de AD-MILIATORIUM: lugar onde os peregrinos botaban unha pedra que traían consigo, formando unha morea de pedras (ou milladoiro).
  12. Mondoñedo: de latín medieval MINDUNIETUM (o topónimo actual procede de San Martín de Mondoñedo, onde tiñan a sede os bispos mindunienses ou dumienses, que eran unha especie de extensión dos de Dumio, preto de Braga).
  13. Monforte: Topónimo composto de MONTEM FORTEM ‘monte fortificado’. Un simple encontrámolo no Forte, O Forte Novo e O Forte Vello. Hai, así mesmo, A Fortaleza. Monforte de Lemos dálle nome a un lugar, a unha parroquia e a un concello da provincia de Lugo.
  14. Oleiros: de OLA: ola, lugar onde hai fabricantes de olas de barro, oleiros.
  15. Ortigueira: URTICARIAM: lugar onde hai ortigas. Fitotopónimo con sentido abundancial.
  16. Orxal:Tamén Orxais de hordeum “cebada, orxo”; en castelán en Castro Urdiales ou mesmo Ordial. O hordeum spontaneum está documentado en Tácito na súa obra Germania, 23,1 onde nos di ademais que con el os xermanos facían cervexa: potui umor ex hordeo “para beber, un líquido feito de orxo”.
  17. Oseira: URSUS: oso, lat. vulg.: ossum: lugar onde hai osos. Zootopónimo con sentido abundancial.
  18. Ourantes: Posiblemente dunha base antroponímica AUR- + sufixo –ANTES. Na toponimia Our- aparece en Our-ille, Our-ís, Vil-ourís. Un sufixo –ANTES semella estar presente en Serantes, Barbantes, Barrantes, Corneantes, Curantes, Laiantes... San Xoán de Ourantes está en Punxín (Our).
  19. Ourense: AURIENSE: topónimo que fai relación a unha explotación de ouro. (AURUM)
  20. Outeiro: ALTARIUM, parte alta do terreo, elevación do terreo.
  21. Padrón: de PETRA, (deriva de PETRONEM) a pedra onde se amarrou a barco do apóstolo Santiago.
  22. Pedrafita: PETRA + FICTA: (pedra cravada) miliario ou monumento megalitico, consistente nunha gran pedra colocada verticalmente. Utilizouse como divisoria de concellos.
  23. Peñalba: Orotopónimo. Composto de PINNA + ALBA: rocha que sobresae e o adxectivo de cor branca. ‘pena de color branca’. Existen na xeografía galega: Penalba e Penas Albas. Co cualificativo –alba– temos Arealba, Mámoa Alba, Pedralba ( e súa variante Peralba).
    Outras Penas (nomes de lugar) ás que acompaña un adxectivo cualificativo cromático son:
    A Pena Branca de Guitiriz (Lu) e Mañón (A Cor).
    A Penamoura de Abadín (Lu) e San Sadurniño (A Cor), A Pena Moura de Begonte (Lu).
    Penarrubia de Baralla (Lu), Orbazai (Lu) e Curtis (A Cor), Penas Rubias de Quiroga (Lu).
    Pena Verde de Cualedro (Our).
    Pena Parda de Monterroso (Lu).
    Penateixa de Oroso (A Cor).
    A Penaloura de Palas de Rei (Lu).
  24. Pereira: Pero tamén Pereiro de pirum “pera” máis o sufixo-aria,-arius,-arias e –arios dan como resultado estos dous topónimos e tamen Pereiras (Fonte Pereiras, en Vimianzo) e Pereiros e incluso Pereiró. Son fitotopónimos moi abundantes en toda Galiza.
  25. Poio: PODIUM: altura, montículo, fai referencia a un lugar elevado con boas vistas.