A HISTORIOGRAFÍA ROMANA. TITO LIVIO


Naceu en Roma como imitación dos historiógrafos gregos. Trátase dun xénero literario no que se pretende facer compatible a narración de sucesos históricos coa fermosura da linguaxe.
Para os gregos o término historía non significaba só “relato de acontecementos ordenados cun criterio cronolóxico”, senón que designaba xenericamente o coñecemento adquirido por descubrimento ou investigación, especialmente sobre algo que sucedeu como consecuencia da intervención do home.
O paso cara a unha Historia que implicaba unha referencia a feitos acontecidos nun pasado máis ou menos próximo, pero desvinculados das tradicións épicas, e que intentaba dar unha descrición global das transformacións dunha sociedade e das súas causas produciuse en Grecia a mediados do século V a.C.
Heródoto (484-420 a.C.) e Tucídides (465-395 a.C.) foron os primeiros historiadores en sentido pleno da Antigüidade, e sería tamén un grego, Polibio (levado a Roma como refén no 168 a.C.), quen introduciría a literatura historiográfica de cuño grego en Roma.
A historiografía grega conleva unha visión do mundo racionalista: o historiador debe tratar de xustificar o porqué dos feitos ocorridos. Os romanos, a partir de Polibio, obxectivarían esa visión grega da historia; non lles interesaba xa o «porqué», senón o «para que», tiñan que atopar no pasado a xustificación da súa poderío presente.

Prececentes. Os primeiros documentos.

Como precedentes da historiografía latina poden considerarse os primeiros documentos con valor histórico escritos en prosa. Son moi antigos e encadrables en dous apartados, segundo teñan carácter público ou privado.
Documentos públicos
Foedera regum ou tratados cos reis de pobos veciños. Son documentos metade xurídicos metade relixiosos, xa que se asinaban co ofrecemento dun sacrificio aos deuses e cunha serie de ritos especiais e fórmulas consagradas. Tito Livio (I, 24, 3) transmitiunos un destes tratados entre os romanos e os albanos, do que di que é o máis antigo do que se ten memoria.
Actas dos maxistrados. Adoitaban rexistrar os acontecementos máis importantes relacionados co desempeño das funcións dos maxistrados. Levan o título de acta, commentarii ou libri e gardábanse nos arquivos oficiais, constituíndo unha fonte histórica de primeira orde. Os máis importantes destes documentos eran os elaborados polos pontífices, os Libri Pontificum ou Annales Maximi. Neles incluíanse, ano por ano, os sucesos máis dignos de recordarse (digna memoratu), sobre todo os relacionados coa relixión e o culto públicos, cuxa organización lles competía; e especialmente destacable era a publicación do calendario anual, tamén ao seu cargo, que sinalaba as datas de comezo e final do ano, os días laborables e non laborables, as festas, os aniversarios, etc.
Documentos privados
As familias importantes gardaban nos seus arquivos familiares documentos escritos en honor dos seus antepasados ilustres, que eran unha especie de historia da familia. Eran fundamentalmente de dous tipos:
Laudationes funebres, ou discursos en loubanza do defunto, que adoitaban ser pronunciados nos funerais por un membro moi achegado da familia.
Tituli imaginum, ou inscricións gravadas debaixo dos retratos ou máscaras do defunto, celosamente conservados e que contiñan o seu nome, as súas fazañas, as súas maxistraturas, etc.

ÉPOCA ARCAICA (III-II a.C.)

Os comezos: os primeiros analistas (III-I a.C.)

Desde os últimos anos do século III a. C. ata o final da República, s. I.a.C., Roma contou con numerosos historiadores. Os primeiros desta longa serie reciben o nome de Analistas, debido a que as súas obras foron tituladas Annales por rexistrar, á maneira dos Annales Pontificum, os feitos ano por ano, en lugar de narrar ininterrumpidamente os sucesos que se estenden ao longo de varios anos.
Os primeiros analistas, como Fabio Pictor, e L. Cincio Alimento, primeira metade do século II a.C, escriben aínda en grego, tanto porque desexaban ensalzar a fundación de Roma, as súas institucións e política no mundo helenístico, como porque a prosa latina aínda non tiña o nivel literario suficiente.
Catón (M. P. Cato, 234- 149 a . C.).
Origenes (Orixes): obra composta de sete libros dos que so se conservan fragmentos. Recolle a historia de Roma desde a súa fundación, relata as guerras púnicas e explica feitos contemporáneos. Aínda que o seu exemplo non foi seguido inmediatamente, Marco Porcio Catón, coñecido como Catón o Vello, foi o primeiro historiador que empregou o latín nunha obra historiográfica, as súas Origines (da que só se conservan uns fragmentos).
Catón cambiou a concepción anterior da historia romana. A Historia das xestas de Roma fora, e aínda o sería logo de Catón, a historia dos grandes imperatores; eran as grandes familias as que con iso vían colmadas as súas ansias de gloria. Para el, que non era de nobre linaxe, o protagonista da Historia de Roma era o pobo romano, e a visión hexemónica da cidade de Roma pasa a ser a de Italia enteira.
Os analistas posteriores a Catón, dacabalo entre os séculos II e I a.C., adoptarán a gran innovación que supuxo a introdución da lingua latina, favorecida polo dominio indiscutido de Roma e a difusión da súa lingua pola conquista e polo comercio. Entre estes analistas antigos cóntanse Casio Hemina, Mucio Escévola, Valerio Antias e Claudio Cuadrigario.
Analistas posteriores a Catón (II-I a.C.)
Os analistas posteriores a Catón, como Casio Hemina, Mucio Escévola, Valerio Antias e Claudio Cuadrigario, dacabalo entre os século II. e I a.C. escriben xa en latín. Todos eles, por non ser contemporáneos ao período primitivo da Historia de Roma, basearon os seus relatos en obras de autores precedentes non romanos e en documentos.
Os autores gregos, que floreceron algúns séculos antes que os romanos, sentiron vivo interese por Italia, cuxas relacións con Grecia foron paulatinamente en aumento. Con todo, as obras desta prolífica historiografía grega desapareceron case por completo e da historiografía etrusca non queda reliquia algunha. Os Analistas romanos puideron basearse en ambas, malia que, polo seu carácter estranxeiro, tratarían os asuntos romanos de pasada e ás veces emitirían sobre eles xuízos pouco favorables.
En canto aos documentos, podían ser públicos ou privados. Os públicos, á súa vez, eran relixiosos ou políticos. Cada colexio relixioso tiña o seu arquivo, no que gardaba os seus estatutos, documentos e fórmulas rituais. Os documentos políticos eran moi numerosos. Non había publicacións oficiais, pero quedaban arquivados textos de tratados, de leis, de senado-consultos, etcétera. Algúns destes textos estaban gravados en táboas de bronce ou sobre columnas e conservábanse nos templos e outros lugares públicos de Roma. Os textos legais máis famosos eran os da Lei das XII Táboas. Os diversos maxistrados gardaban tamén documentos de interese xeral: recompilación de fórmulas e decisións, táboas do censo, listas de empadroamento e catastro, etc. Os Libri Lintei, escritos sobre bandas de tea de lino, contiñan as listas dos maxistrados, especialmente dos cónsules.
Por outra banda, os Analistas dispoñían de documentos privados. As familias nobres tiñan os seus arquivos particulares e, ademais, as xenealoxías e os eloxios gravados ou pintados baixo as imaxes dos seus antepasados, coa relación das súas proezas e dos cargos ostentados. As oracións fúnebres resumían a historia de cada familia.
Toda esta documentación era pouco fiable. En realidade, antes do século V a. C. a penas existiron documentos oficiais escritos. En canto aos privados, Cicerón e Tito Livio testemuñan o seu escaso valor histórico, dada a tendencia das familias nobres a inventarse a súa propia historia. Segundo Tito Livio, a historia de Roma, na súa época mais antiga, baséase máis en relatos lendarios que en documentos auténticos dos feitos acaecidos. Livio Andrónico e Ennio, dous poetas, contribuíron en grado sumo á creación da lenda sobre as orixes de Roma.
Os analistas crearon ao seu arbitrio a historia de Roma. Para facela mais gloriosa, falsificaron toda clase de documentos, elaboraron outros apócrifos, interpretaron caprichosamente restos arqueolóxicos e institucións, inventaron etimoloxías, apropiáronse de lendas e cultos doutras cidades do Lacio e tomaron da Historia e das institucións gregas os elementos que precisaban para elaborar unha historia nacional. Onde non inventan, deforman, para satisfacer o orgullo patriótico. Outras veces, esaxeran o papel de Roma en empresas nas que esta, ou non interveu ou desempeñou un papel pouco relevante.
O progresivo engrandecemento de Roma ía esixindo paralelamente relatos máis xugosos e brillantes que as secas narracións dos analistas. A visión da Historia ata estes momentos é estreita; só interesa a de Roma, as cuestións internacionais só son importantes na medida en que afectan á súa nación. Para eles, a Historia é, esencialmente, unha escola de civismo e un instrumento de goberno. O demais é secundario.

ÉPOCA CLÁSICA (I a.C.)

Caius lulius Caesar (100- 44 a . C.)

Vida
Caius Iulius Caesar naceu no seo da familia Iulia, considerada descendente do heroe troiano Iulus. Iniciou a súa carreira política desde moi novo e desempeñou diversas maxistraturas: foi elixido cónsul no ano 59 a .C.; no 58 a .C. foi propretor da Galia cisalpina e transalpina... Participou no primeiro triunvirato da República romana, xuntamente con Craso e Pompeio, e rematou enfrontándose a este último,nunha guerra civil. Vencido Pompeio, César proclamouse dictador no ano 45 a .C. e no ano 44 a . C., morreu asasinado o mesmo día en que ía ser nomeado emperador. César non pode ser considerado un historiador no sentido estricto do termo, xa que a súa obra non foi estructurada coa intención de divulgar a verdade dos feitos nos que se viu involucrado, senón que pretende xustificar os seus actos e defenderse ante as críticas e acusacións dos seus coetáneos.
Obra literaria
A obra historiográfica de César recóllese nun conxunto de notas, denominadas Comentarii (“comentarios”), nas que narra as súas peripecias na campaña das Galias (De bello Gallico), e os sucesos acaecidos durante a guerra civil contra Pompeio (De bello civili). Redactou estes comentarios a partir dos informes técnicos elaborados polos seus soldados, dos informes que el mesmo lle enviaba ó senado e de apuntamentos persoais sobre as campañas. Neles destacan pasaxes que reflicten os costumes dos pobos cos que entrou en contacto, e describe con precisión os lugares onde transcorreron os conflictos bélicos.

Caius Sallustius Crispus (86- 35 a . C.)

Vida
Naceu no seo dunha familia plebea que residía en Amiterno (Sabinia). En política, opúxose aos optimates, encabezados por Pompeyo Magno, e desde un principio apoiou ao rival deste, Xullo César, quen chegou a nomealo gobernador de Numidia. Á morte de César xa amasara unha inmensa fortuna, e retirouse da vida pública para dedicarse aos seus traballos históricos. Viviu a crise do final da República e na súa vellez converteuse en cronista dos feitos vividos.
Obras
A conxura de Catilina (Bellum Catilinae ou CatiIina). Céntrase na conxura contra o goberno organizada por un nobre empobrecido, Catilina, que non chegou a triunfar.
Iugurtha (Bellum lugurthinum). Narra a guerra de Numidia (anos 115- 111 a . C.). Este reino, situado na actual Alxeria, foi aliado de Roma, pero Iugurta, sobriño do rei Micipsa, enfrontouse con Roma e foi vencido.
Historias (Historiae). Soamente se conservan algúns fragmentos. Orixinariamente, narraba feitos desde a morte de Sila ata o triunfo de Pompeio.
Salustio tomou como modelo ao historiador grego Tucídides para intentar explicar os acontecementos e facer que os seus relatos fosen lexibles e dramáticos. Dominaba os recursos da retórica greco-latina, e ponos ao servizo das súas tendencias políticas que non trata de disimular. O seu estilo é arcaizante, pois imita a Catón o Vello e a Ennio; utiliza un ton enérxico, de frases breves, construídas a miúdo en forma de paralelismos e reforzadas pola concisión e a xuxtaposición. Nese estilo tan persoal expresou a súa idea central: que a virtus fixo grande a Roma e que a súa descomposición trouxo a debilidade e a inmoralidad ao Estado (consideraba responsable á aristocracia romana).
Cornelius Nepos (C. Cornelio Nepote, 100-25 a. C.).
Na época de finais da República, Cornelio Nepote introduciu en Roma a historiografía biográfica, subgénero desenvolvido máis tarde por Suetonio. Cornelio Nepote (100-25 a.C.) escribiu un De viris illustribus (biografías de diversos personaxes, romanos e estranxeiros) e un De excellentibus ducibus (unha serie de vidas de grandes xenerais estranxeiros), unha Vida de Catón o Vello e unha Vida de Ático (amigo seu e de Cicerón). As súas biografías están constituídas por coleccións de anécdotas triviais, máis ou menos verosímiles, pero dá noticias curiosas sobre fontes e institucións.

ÉPOCA POSCLÁSICA (I d.C.)

TITO LIVIO (59 a. C.-17 d. C.)

A súa vida
Nace en Padua (antiga Pataviam) o ano 59 a. C. e morre tamén en Padua, o ano 19 d. C. Marchou a Roma cara ao ano 30 a.c., pero non para emprender unha carreira política, como Salustio, senón para dedicarse de cheo a escribir a inmensa historia de Roma que concibira. Non participou na vida política do seu tempo, xa que a súa nenez coincidiu coa dictadura de César, a súa mocidade coas violentas loitas civís e a súa madurez co triunfo de Augusto. Rexeitou os cargos públicos en aras da súa vocación de historiador, á que entregou cincuenta anos da súa vida. Xa ancián, regresou para morrer á súa patria.
Malia que nunca ocultou as súas conviccións políticas republicanas, foi amigo de Augusto, a quen encomia por restaurar os templos e traer a paz. Tamén foi amigo do mozo Claudio, máis tarde emperador, a quen impulsou a escribir libros de Historia.
A súa obra
Composición
O proxecto inicial da súa Historia Romana era moi ambicioso e foi levado a cabo, ata case o seu final, con gran tenacidade e entusiasmo, durante uns corenta anos. Pretendía narrar a historia interior e exterior de Roma, dende a súa fundación (Ab Urbe Condita) ata a morte de Augusto. Comprendía un total de 150 libros, que ía publicando de dez en dez, de onde o seu nome de Décadas. Só conseguiu terminar 142. A morte de Druso (9 a. C.), final pouco apropiado para unha obra de tamañas pretensións, pechaba a obra, o que fai pensar que esta foi interrompida pola enfermidade ou a morte do seu autor.
Destes 142 libros perdéronse 107. O azar e non a selección fixo chegar ata nós a parte referente ás orixes de Roma e a súa primeira época ata a terceira Guerra Samnita, ano 293 a. C., a segunda Guerra Púnica e a historia de Roma ata a conquista de Macedonia por L. Emilio Paulo, trala batalla de Pidna (ano 167 a. C.). Salvo lixeiras lagoas, os 35 libros que nos quedan están completos. A estes 35 libros hai que engadir un papiro do Epítome, con extractos dalgúns libros, máis un fragmento do libro 91.
Dos libros non conservados temos noticia nas Periochae, resumos esquemáticos de cada un dos cento corenta e dous libros, que parecen remontarse ao século IV. Dada a enorme extensión da obra (Marcial dicía que non lle cabería na súa biblioteca), pronto comezaron a facerse, para uso escolar e de divulgación, compendios e epítomes, que substituíron á obra orixinal, difícil de adquirir e de manexar e, por iso, destinada a perderse na Idade Media.
Método e Fontes.
O método histórico deixa moito que desexar, como, en xeral, o de todos os historiadores antigos, para os que a historia era un xénero literario, non unha obra científica; de aí a aberración, desde o punto de vista da historia científica moderna, de poñer en boca dos personaxes discursos inventados, literariamente excelentes, aínda tendo a man os que verdadeiramente pronunciaron ditos personaxes.
As fontes de Tito Livio son, esencialmente, as obras das súas predecesores, os analistas e historiadores gregos, sobre todo Polibio, pero non somete a crítica os datos e fontes consultados, polo que a súa fiabilidade é a miúdo escasa.
Elixe de entre as diversas versións dos feitos a que lle parece máis verosímil ou as transcribe todas, cando non se atreve a pronunciarse por ningunha delas. O seu espírito crítico foi desenvolvéndose a medida que avanzaba a súa obra. A experiencia ensinoulle a fiarse máis daqueles autores que como Polibio, eran máis rigorosamente científicos, aínda que menos imaxinativos. Así pois, a credibilidade de Livio depende da seriedade das súas fontes, que, fóra de Polibio, son actualmente inaccesibles.
Por outra banda, o seu amor a Roma fai que conceda crédito a calquera información, por inchada que estea, que redunde en prestixio e gloria dos seus antepasados. Con todo, intenta ser honesto e, con frecuencia, expón as opinións distintas sobre algún suceso, para que o lector contraste e saque as súas propias consecuencias; tamén afirma ás veces que certos datos ou cifras parécenlle esaxerados.
En canto aos documentos, os oficiais non espertan nel interese algún. Cando dispón deles, non os transcribe textualmente, para non romper a harmonía do conxunto ou porque os considera indignos de figurar nunha obra de arte.
Non se lle oculta a Livio que poetas e historiadores de épocas precedentes falsearon a Historia, para gabar o orgullo das familias e o dos novos ricos da época; a vaidade multiplicou trunfos e consulados de antepasados ilustres. Con todo, acepta a tradición, sen poñela en cuestión. O seu labor consiste en facela verosímil, facéndoa pasar polo filtro da razón, suprimindo as contradiccións máis flagrantes, elixindo e harmonizando os datos aportados polas diversas fontes e procurando establecer entre eles as relacións lóxicas necesarias.
Livio usa os documentos, as lendas, as obras das súas predecesores, pero todos estes elementos pasan polo alambique da idea central que preside a súa Historia: Roma ha xustificar coas súas virtudes seculares a gloria do seu destino presente e futuro. A súa obra non é Historia, tal como se concibe actualmente, pero nos aporta o cadro do que os patriotas da época de Augusto querían que fose o seu pasado e do ideal que soñaban para o seu futuro. Velaquí a clave do seu éxito. A súa Historia de Roma debe ser considerada como obra de arte, non de ciencia. É un medio de goberno, unha especie de moral social ou, ata, de política en acción.
Os seus fins.
No prefacio da obra expón Tito Livio os motivos que lle impulsaron a acometer tamaña empresa:
«Será para min unha satisfacción contribuír a evocar os feitos gloriosos do pobo que está á cabeza de todos os do universo.. Xamais houbo unha nación máis grande, máis pura, máis rica en bos exemplos, nin cidade á que tardasen máis en chegar a ambición e o luxo e que conservase máis tempo o culto á austeridade e á economía; pero logo as riquezas e a ambición corrompérona e é preciso estudiar o seu historia para imitar o bo e rexeitar o malo, causa da decadencia actual”
Como pode verse, Tito Livio coincide con Nepote e con Salustio no sentido exemplarista e moralista da historia. No prólogo da obra dise:
“Se hai no coñecemento da Historia algo de fructuoso e de saudable, é que se pode contemplar nos seus brillantes momentos as ensinanzas de todos os exemplos; é que, o mesmo o individuo que o Estado, atopan nela modelos que seguir e erros que evitar”.
Non se trata, pois, de expoñer a verdade espida, senón de presentar un cadro dos costumes para que sirva de lección. O historiador convértese en moralista.
Livio non trata de defender intereses persoais, nin de partido, nin de adular a vaidade dunha familia ilustre, nin de avogar polo Senado ou pola plebe. Trata de servir á patria enteira, de axudar ao seu rexurdimento moral, de presentar aos seus concidadáns a imaxe dunha República dirixida polos mellores, na que todos deben sacrificar os seus intereses persoais en aras do interese supremo do Estado: exaltación de Roma por encima de todo.
Os seus motivos íntimos e as virtudes que quere que a súa obra infunda nos seus concidadáns son o amor á patria, o respecto ao mos maiorum, a concordia civil e a relixiosidade profunda, todo o cal coincide punto por punto co programa restaurador de Augusto, que Livio comparte con entusiasmo.
O seu estilo
O que está fóra de dúbida é a súa altísima categoría como escritor, é o que mellor encarna a concepción ciceroniana da historia como opus oratoriae maxime, é dicir, como xénero literario suxeito aos preceptos e recursos da retórica na composición e no desenvolvemento temático.
O estilo de Livio é o reverso do de Salustio: fronte á concisión salustiana, a Actea ubertas ou abundancia transparente, con períodos longos, amplos e cadenciosos, afines á prosa ciceroniana.
Da súa concepción retórica da historia provén a gran cantidade de discursos (uns catrocentos na parte conservada) que salpican a súa obra, todos eles exemplares desde o punto de vista literario retórico. En Livio, todos os personaxes son consumados oradores, ata os simples soldados, os rudos labregos ou os escravos sublevados. Este sistema de explicar os feitos por medio de discursos ten o inconveniente de que, como o autor carece de experiencia persoal en asuntos militares ou políticos, por non ser maxistrado nin soldado, substitúe por argumentos de avogado a explicación verdadeira dos feitos. Por iso, moitos dos seus discursos soan a artificiosos e falsos.
E distingue tamén o seu estilo, como trazo persoal e destacado, a cor poética que tingue a súa prosa. Chamáronlle o poeta da historia. Está influído polos grandes poetas augústeos e esta andadura poética da súa prosa percíbese especialmente nos primeiros libros, nos que se refire aos tempos primitivos e faise eco de lendas heroicas, como as de Horacio Cocles, os Horacios e os Curiacios, a moza Celia, Mucio Escévola, etc.
Ata invoca aos deuses ao comezo da súa obra, como os poetas épicos:
”Se os bos augurios, os votos e as pregarias aos deuses e ás deusas fosen costume dos historiadores, como o son dos poetas, comezaría gustosamente por pedirlles que concedesen éxitos felices á miña gran empresa...”

C. Suetonius Tranquillus (C. Suetonio Tranquilo, 70-140 d. C.)

Realizou estudos en Roma baixo a protección de Plinio o Mozo. Traballou como arquiveiro de Adriano onde puido coñecer desde dentro os segredos da historia imperial, ata que caeu en desgraza e dedicouse á literatura. Foi un erudito enciclopédico do que se conserva fragmentariamente a obra De viris illustribus, e completa a súa De duodecim Caesarum vita (Vida dos doce Césares), un conxunto de doce biografías, desde César a Domiciano, onda se explican detalles de todo tipo sobre a vida pública e a privada destes personaxes. O estilo de Suetonio non brilla pola súa calidade literaria, e os detalles resultan irrelevantes e anecdóticos, pero é unha fonte veraz e a súa lectura resulta amena.

P. Cornelius Tacitus (P. Cornelio Tácito, 55-120 d. C.)

Proviña dunha familia senatorial orixinaria da Galia. Foi discípulo de Quintiliano e amigo de Plinio o Mozo. Desempeñou diversos cargos e magistraturas e destacou como orador antes de dedicarse á historiografía. A súa carreira de funcionario imperial permitiulle ser testemuña de excepción da fin da dinastía Claudia, do período de transición e da chegada ó poder da dinastía dos Antoninos. O remate da súa carreira política, retirouse a escribir sobre os acontecementos vividos.
Dentro do xénero historiográfico, cultivou a biografía con De vita et moribus Iulii Agricolae, obra na que retrata ao seu propio sogro como un romano tradicional nun mundo decadente. Escribiu tamén Germania, na que fai unha descrición de pobos nos que cre ver as mesmas virtudes que deron a Roma a súa grandeza.
Pero as dúas obras coas que se consagrou foron Historiae (parcialmente conservada) e Annales. Os cinco libros que restan da primeira (crese que constaba de catorce) abarcan os sucesos do ano 68, no que se sucederon os emperadores Nerón, Galba, Otón e Vitelio, e o comezo do reinado de Vespasiano. A segunda obra, en dezaseis libros, abarca de Augusto a Nerón. pódese observar o interese que amosa por estar ben documentado e por ser imparcial. A descrición psicolóxica das grandes personalidades da historia de Roma é un trazo característico da súa producción.
Tácito pon a súa arte ao servizo da análise histórica, creando unha historia chea de patetismo e de efectos estéticos que poñen o seu relato moi próximo á traxedia. É un pensador máis profundo que Salustio; oponse ao Imperio, pero o presenta como inevitable. Tamén leva as características do estilo de Salustio (brevedad, concisión e solemnidad) ata as súas últimas consecuencias.

Época decadente (II - IV d.C.)

Floro: (século II d.C.)

Escribiu dou libros nos que se condensa a producción de Tito Livio.

Eutropio: (século IV d.C.)

Ademais das dúbidas sobre as datas do seu nacemento, ó redor do 320 d.C. e a súa morte, contra o 390 d.C., tampouco podemos precisar o lugar onde naceu.
Desempeñou distintos cargos na administración imperial, escalando no cursus honorum baixoimperial dende secretario (epistularis) ata consul, xa que no ano 387 compartiu o consulado co emperador Valentiniano II.
Serviu fielmente nunha época difícil e cambiante a cinco emperadores: Constancio II, Xuliano, Xoviano, Valente e Valentiniano II.
Non sabemos nada da súa vida privada.
A súa obra
Poderíamos encadrar a obra de Eutropio dentro do xénero historiográfico do epítome ou breviarium. É polo tanto un “compilador” ou “autor de resumes”.
Este xénero tivo un gran éxito en Roma e foi moi demandado polo público. Os lectores querían obras breves e fáciles de publicar, que puidesen servir ademais de manuais escolares.
Pero na literatura latina houbo contactos e relacións entre os varios xéneros literarios, e así, aínda que na obra de Eutropio pódense identificar as marcas do xénero dominante, o Breviarium, tamén atopamos pegadas dun xénero secundario, o da biografía, segundo o modelo de Suetonio.
As fontes
Non é fácil o estudio das fontes que usa o autor pero é seguro que Eutropio utiliza a obra de Livio para a etapa da época arcaica e republicana, ben de xeito directo ou a través dalgún epítome. Non podemos precisar con seguridade as que utiliza para a época imperial.
Lingua e estilo
O latín de Eutropio e un latín claro e sinxelo, buscado a propósito para os lectores que preferían ler un resume antes ca obra do propio Livio.
A narración prefire case sempre a parataxis ou a coordinación, a xustaposición de participios, as enumeracións simples ou as formas impersoais.
O seu léxico é sinxelo, aínda que ás veces presenta tecnicismos propios do seu labor no scrinium (secretaría de Estado na administración imperial), e difire pouco do latín clásico, tan só nalgúns termos ou no uso do sufixo de axente –tor, -sor, propios do latín tardío.
Nas súas liñas pódese xa contemplar o proceso que sufría neses momentos o latín literario e que acabaría dando orixe ás linguas romances. Exemplo desto pode ser a construcción do verbo habeo + participio (ubi milites congregatos habebat), como pluscuamperfecto: onde tiña os soldados reunidos = onde reunira aos soldados (galego)/ donde había reunido a los soldados (castelán).
A súa preocupación principal é a brevitas, que busca con elipses, asíndeton ou construccións de participios.
Influencia
O feito de que a súa obra fose un resume, escrito ademais con gran simplicidade, axuda a explicar o éxito que acadou este historiador.
Tivo unha difusión tan grande que chegou a ser case o único medio na Idade Media para coñecer a historia de Roma, período no que chegou a ser considerada como libro de texto.
Que na vida do autor e nos anos posteriores a súa obra contase con traduccións gregas, feito insólito, da conta da importancia da que gozou.
A popularidade deste Autor chega case ata os nosos días, aínda que a súa obra sexa utilizada fundamentalmente como fonte secundaria para o estudio da Historia de Roma.

Amiano Marcelino (s. IV d.C.)

Escribiu os 31 libros dos feitos, que abranguen dende o ano 96 d.C. ata o 378 d.C.

Historia Augustea (finais do s. IV d.C.)

Colección de biografías dos emperadores e personalidades do seu contorno, dende Adriano (117) ata Numeriano (284). Crese que foi composta por seis autores diferentes.

SINOPSE


Época Arcaica (III-II a.C.)

  • Analistas (s.III-II a.C)
  • Fabio Pictor, e L. Cincio Alimento (escriben en grego)
  • Catón (s.III-II a.C.)
  • Origines
  • Analistas (s. II-I a.C)
  • Casio Hemina, Mucio Escévola, Valerio Antias e Claudio Cuadrigario (escriben en latín)

Época Clásica (I a.C.)

  • César
    • Comentarii de bello gallico
    • Comentarii de bello civili
  • Salustio.
    • Bellum Catilinae
    • Bellum Iugurthinum
    • Historiae
  • Cornelio Nepote
    • De viris illustribus
    • De excelentes ducibus
    • Vida de Catón, Vida de Ático

Época posclásica (I d.C.)

  • Tito Livio
    • Ab urbe condita libri
  • Suetonio
    • De viris illustribus
    • De vita XII caesarum
  • Tácito
    • Annales
    • Historiae

Época decadente (II - IV d.C.)

Compilación e resumo das obras históricas de períodos anteriores, materia atractiva para un público que buscaba a distracción na lectura de temas históricos.
  • Floro
  • Eutropio
    • Breviarium ab urbe condita
  • Amiano Marcelino,
  • Autores da Historia Augustea.


BIBLIOGRAFÍA